23.3.20

A orixe do apertón de mans e os bicos para saudarse

Durante séculos, os humanos fixeron xestos moi concretos para saudarse, tanto entre amigos como entre descoñecidos. Os bicos e apertóns de mans son unhas das formas máis antigas e máis estendidas de saudarnos. Cambiará a pandemia do coronavirus cambiar estes costumes tan arraigados?
As persoas saúdanse de moitas maneiras dentro do mesmo territorio. Se se ten certa confianza, un par de bicos nas fazulas é un tipo de saúdo moi apreciado, incluso un abrazo, pero o máis educado e estendido, sobre todo entre descoñecidos, é estreitarse a man dereita. Pero a situación actual de pandemia de  Covid-19 parece que está a cambiar, polo menos de momento, un costume practicamente milenario. Por exemplo, Francia pediu aos seus cidadáns que non se biquen, e mesmo se están pechando acordos chocando os cóbados. Cambiará o coronavirus a maneira de saudarnos?
A ORIXE DO APERTÓN DE MANS
Existen diversas teorías sobre as orixes do apertón de mans. A primeira e máis popular é que empezou como un xesto de paz: demostraba que non se sostiña unha arma e ao mover as mans arriba e abaixo asegurábase un de que o outro non levaba nada escondido na manga. Este xesto aparece xa representado no mundo grego en cerámicas e lápidas que mostran a deuses pechando tratos, guerreiros que marchan ao combate e almas dos defuntos que chegan ao  inframundo. Tamén os antigos romanos o facían  cando, por exemplo, dous coñecidos se  atopaban no Foro, no Senado ou nunha celebración.
Pero cal é o auténtico significado deste xesto? A súa ampla representación en diversos contextos fai difícil a súa interpretación. No século  XIX, en Estados Unidos parece ser que estreitarse a man foi un modo de saudarse impulsado polos  cuáqueros (unha comunidade relixiosa fundada en Inglaterra no século  XVII). Este grupo relixioso pensaba que darse a man era unha forma de saúdo máis "democrática" que facer unha reverencia ou descubrirse a cabeza. Era unha maneira de eliminar as xerarquías. De feito é algo que aínda facemos na actualidade.
En 2015, un grupo de científicos israelís fixo un experimento. Gravou apertóns de mans entre centos de persoas descoñecidas e déronse conta con certa sorpresa de que case un cuarto dos participantes cheirábase as mans despois. Así pois, a nivel biolóxico, talvez o apertón de mans usábase dun modo inconsciente para detectar sinais químicos e como medio de comunicación, como fan algúns animais cando se cheiran uns a outros?
O BICO, UN SAÚDO ÍNTIMO
Bicarse, aínda que sexa na fazula, é unha forma de saúdo moito máis íntima, aínda que tamén se usa no mundo occidental entre descoñecidos. De feito, utilizárono os romanos que tiñan tres versións do bico: o  osculum (bico na fazula, típico entre amigos), o  basium (bico nos beizos, destinado ao esposo ou esposa) e o  suavem (bico entre amantes). O cristianismo incorporou moi pronto este xesto e usouse en cerimonias relixiosas. San Pablo, na súa Epístola aos romanos, recomendaba aos seus seguidores "saudarse cun bico sacro".
Na Idade Media dábase un bico como sinal de fidelidade e para selar acordos. Crese que durante a terrible epidemia de peste que arrasou Europa no século  XIV, en Francia este costume puido abandonarse e non se recuperaría ata despois da Revolución Francesa, en 1789.
DARSE A MAN, UN XESTO CHEO DE XERMES
En 1929, unha enfermeira chamada Leila  Given escribiu un artigo lamentando a perda dalgúns saúdos tradicionais en favor do apertón de mans.  Given xa dixo entón que as mans eran "axentes de transferencia  bacteriana" e que realizando este xesto podíanse transmitir xermes con facilidade. Recomendou o costume chinés de saudarse estreitando a propia man. (Traducido de National Geographic)

Ningún comentario:

Publicar un comentario