28.1.21

Entroidos da Galiza




Do Xornal Nós sacamos algúns dos "Entroidos repartidos na Galiza":
Anxeos. Poida que en relación con “angelus” (os que anuncian ). Vestidos e cubertos de saco e con chocas ao cinto, a danzar... de Parada de Sil.
Bonitas. Cubertas de exóticos mantóns, con relacións precolombinas. Propios de Cartelle.
Boteiros. Nome quizais en relación con “butio” (bramido) ou coa bota ou vexiga que portan sobre o báculo, ou mesmo tamén con “butyrum”, é dicir, manteiga. Máscaras caracterizadas polo gran tocado floral e camisa de cintas pregadas. Representativas de Viana do Bolo.
Cabreiros. Alusión aos pegureiros montañeses de Muíños.
Carolos e Vexigueiros e Policaepo. De Saamede nas Mariñas de Paderne á Coruña.
Charrúas, Charrelos. En relación co carro. Dábaselle este nome aos antigos indios riopratenses da Patagonia andina... Influencias levadas e traídas. Os primeiros do Entroido de Allariz, de traxes brancos cubertos de mantón. Os segundos da Veiga.
Choqueiros e Chocalleiros. Repartidos por toda Galiza, os que portan ao cinto as chocas, chocallas ( que chocan ou tanxen), esquilas, axóuxeres, campaíñas... Para, como tantas cousas, “aculturarse” e rematar asociándose con calquera disfrace: os “choqueiros” na Coruña.
Cigarróns. Quizais en relación co grupo prerromano dos Cigurros, asentados no entorno da Rúa aínda que máscara propia das terras de Verín, ou quizá mellor co dos Cimarróns.
Cimarróns. Son os animais que foxen da domesticación e volven ao monte a se asilvestrar. Nas colonias de Latinoamérica chamábaselles así aos escravos negros que fuxían do seu cativerio.
Entridos. Chaman así as máscaras de moitas das aldeas da serra do Xurés.
Felos. Pode que do verbo “felio” (berrar) ou quizais teña a ver con felón, infiel. Con flocos, cintas de cores prendidas en todo o traxe. Tradición propia das terras do Carballiño... neste caso, montados a cabalo.
Follateiros. Cubertos de follas murchas da mazaroca do millo. Propios de Lobios.
Gaimanchiños. Verba do portugués “gamao”, pillabán. Demos das festas medievais betanceiras.
Gárgolas. En alusión aos monstros representados na arquitectura barroca. De Celanova.
Galos. Anunciadores do Entroido da Merca.
Irrio. Máscara, símbolo pagán, quizais Baco, de cerimonias relixiosas de Castro Caldelas.
Labardeiros. De Toén e Mugares.  Nas imaxes deste artigo aparecen algúns máis - Ver Dicionario do Entroido.   - Aprender xogando con un Brincaletras   

25.1.21

Curiosidades de Rosa Parks


Actividade feita para homenaxear a 
Rosa Parks, persoeira elixida polas Escolas Asociadas Galegas  Unesco no DENEP deste curso 2020-21. Se queres facer ben os xogos primeiro sería mellor ler  a súa biografía (versión longa)  ou ver esta presentación (versión curta) . Outro xogo sobre Rosa Park telo neste   Brincaletras . 


23.1.21

Carnés GALEFAS en Campolongo (Galegofalantes)

1º Nivel
2º Nivel

3º Nivel
Parte da atrás

GOLFIÑO (NIVEL 1). Esfórzase . “Falo galego de cando en vez cos meus compañeiros/as” .
             Con este carné poderás :
- Participar nun sorteo con 2 números nos  agasallos ó final de curso.
- Como vas a mellorar a oralidade en galego subirás a nota nas materias que se dan en galego.
- Terás preferencia despois dos “Esquíos” e dos “Vagalumes” na selección de actividades organizadas polo EDNL
- Obrigas: Esforzarse en falar en galego, tanto cos mestres/as  que cos  compañeiros/as, nas materias programadas nesta lingua (Galego, Música, Educación Física, Sociais e Naturais ... ).
ESQUÍO (NIVEL 2). Adáptase .  “Falo galego cando outros/as o falan” .
             Con este carné poderás :
- Participar nun sorteo con 5 números nos  agasallos ó final de curso.
- Como vas a mellorar a oralidade en galego subirás a nota nas materias que se dan en galego.
- Terás preferencia despois dos  “Vagalumes” na selección de actividades organizadas polo EDNL
- Obrigas: Falar galego nas materias programadas en galego con todos/as e falar galego noutros espazos (patios do recreo, biblioteca, etc.) cando outros me falen en galego.

VAGALUME (NIVEL  3). Axuda.   “Falo galego  case sempre nas actividades escolares” .
              Con este carné :
             Terás premio seguro no sorteo de agasallos ó final de curso
              Como vas a mellorar a oralidade en galego  subirás a nota nas materias que se dan en galego.
             Terás preferencia  na selección de actividades organizadas polo EDNL
Obrigas: Falar sempre en galego durante todas as actividades programadas nesta lingua, para axudar ós que aínda lles custa facelo,
NOTAS:
- A actividade é voluntaria .  Comeza xa no inicio deste segundo trimestre (8/01/2019)
- Cada carné será validado despois de 30 días de compromiso   e entregaranse ó final de cada mes . Se algúen aínda non se esforzou o suficiente para a cadar o nivel esixido prorrogarase a entrega unha ou varias semanas segundo o caso.
- Serán correlativos : para  ter o de “Vagalume”  primeiro hai que acadar os dous anteriores.
- A entrega do carné farase  despois de falar cos mestres colaboradores da actividade e sempre de forma consensuada: música, educación física, titores.
- Os carnés están numerados para levar un control dos mesmos por parte do Coordinador do EDNL
Ver máis na Etiqueta GALEFAS (mascotas, entrega de premios ...)

2.1.21

As mil vidas de Dorotea

A autora propón  unha entrañábel e divertida historia de teatro, que acolle na colección de infantil, As mil vidas de Dorotea. Coas  ilustracións a toda cor de María Brenn, Lorena Conde mergúllase na historia da mestra, actriz e dramaturga Dorotea Barcena.

1.1.21

Refraneiro do mes de xaneiro

Coñeces algún outro refrán deste mes? Se así é podes engadilo nos comentarios para compartilo con tod@s, ou decírllelo á mestra/e e logo poder metelo con estes outros. Busca no dicionario ou pregunta por aquelas palabras que non entendas. De momento "auga temos bastante".
A auga de xaneiro cada gota vale un diñeiro.”
“A auga de xaneiro, todo o ano ten tempero.”
“A flor de xaneiro no chega ao froiteiro.”
"A auga do mes de xaneiro mata ó usureiro"
"A sardiña no xaneiro, cúspelle a barba a un mariñeiro"
"Amor o primeiro, e a lúa a de xaneiro"

"Cando as ras cantan no xaneiro, sinal de fame no eido"

"En xaneiro, visita o outeiro; se ves verdegar, ponte a chorar; se ves terrexar, ponte a cantar".
“En decembro descansar, en xaneiro traballar.”
“En xaneiro sabe a verza vella a carneiro.”
"En xaneiro nin galgo leboreiro, nin falcon perdigueiro"
“En xaneiro, mellor carballo que castiñeiro”.
“En xaneiro, pon o alleiro.”
“Entre nadal e xaneiro, inverno verdadeiro.”
"Entre xaneiro e febreiro, inverno verdadeiro"
"En xaneiro, xa a abella pon os pés no salgueiro"

Nadal e xaneiro, fan o inverno enteiro.”
“No mes de xaneiro, pon os pés no braseiro.”
"No minguante de xaneiro, corta o teu madeiro"

"O pito de xaneiro, coa súa nai sobe ó poleiro"

"Polo San Xián medra o día un pasiño de can" (9)
"Por xaneiro, o ferreiro vale carneiro"
“Polo san Vicente, planta os nabos da semente.” (22)
"Polo san Vicente perde o inverne un dente"
"Polo San Vicento ten o día unha hora máis, metade pola mañán, metade polo serán" (22)
“Polo xaneiro verán, nin palla nin gran”.
“Poucas chuvias en xaneiro, enchen o canleiro"

"Quen colle a aceitona antes de xaneiro deixa o aceite no oliveiro"

"Se queres ter bo alleiro, pon o allo no mes de xaneiro"

Tronos en xaneiro, mortandade no reino.”

"Un bo día de xaneiro  é un lobo no quinteiro"

"Verzas en xaneiro saben coma carneiro"

Xaneiro mollado, febreiro transtornado”
“Xaneiro quente, trae o demo no ventre.”
"Xaneiro xiado e abril mollado, enchen o faiado"
"Xaneiro frío o atemperado pásao arroupado"
"Xaneiro, xeadeiro, febreiro, grileiro"

San Xián: 9 de xaneiro  - San Vicente: 22 de xaneiro