24.1.19

Libros de lendas na Biblioteca da escola



A píllara. Ave deste ano 2019

A Sociedade Española de Ornitoloxía SEO Birdlife vén de elixir, mediante votación popular, a que será a ave deste ano 2019 que acaba de comezar. A píllara das dunas ou píllara papuda é o nome co que coñecemos en galego a esta pequena ave limícola que habita nos areais. Ler máis

16.1.19

Trotacontos 2019


A xuntanza neste curso 2018-19 fíxose no CEP Campolongo. 
Participantes: EEI Verducido, EEI Crespo Rivas, CEIP Campaño e CEP Campolongo. Únese na mesma semana o EEI de Xeve.
Resumimos aquí o acordado:
Temática do conto: Medio Ambiente

Título do conto: "Olladas de futuro"
Unha páxina  por aula. Cada unha elixe un tema relacionado coa temática proposta.
Tamaño do folio A3, deixando mínimo un centímetro no borde (marco do debuxo)
Entregar tamén unha foto do grupo para meter no conto (boa calidade). Enviala por correo electrónico.
Prazo de entrega 12 de Abril. Na conserxería do CEP Campolongo (A atención de Nito)

Nº de exemplares 350 (redondeando) :  Campolongo 80 -  Campaño: 94  (66 Infantil + 28  Primaria)     -      Crespo Rivas:   85   Verducido: 40 -  Xeve: 40 -  Concello: 10

Nº de páxinas 20   Campolongo 3  - Campañó: 6 (Infantil 3 - Primaria 2  + 1 Portada )  - Crespo Rivas: 3 - Verducido: 2 (1 Infantil e 1 Primaria)      - EEI Xeve: 2  (1 Infantil e 1 Primaria) + 1 Presentación do alcalde + 2 para fotos + 1 para  Contraportada.

14.1.19

As tres reixas

O novo discípulo dun filósofo sabio chega a casa deste e dille:
- Oe mestre, un amigo teu estivo a falar de ti con malevolencia..... 
- Espera! - interrómpeo o filósofo - xa fixeches pasar polas tres reixas o que vas contarme?
 - As tres reixas? - Si. A primeira é a verdade. Estas seguro de que o que queres dicirme é absolutamente certo? 
- Non. Oíno comentar a uns veciños.
 - Polo menos faralo pasar pola segunda reixa, que é a bondade. Iso que desexas dicirme, é bo para alguén?. 
- Non, en realidade non. Ao contrario... 
- !Ah, vaia! A última reixa é a necesidade. É necesario facerme saber iso que tanto che inquieta? 
- En verdade, non.
 - Entón, dixo o sabio sorrindo - Se non sabemos se é verdade, nin bo, nin necesario, sepultémolo no esquecemento

A pedra


O distraído tropezou con ela.
O violento utilizouna como proxectil.
O emprendedor, construíu con ela.
O campesiño, canso, utilizouna de asento.
Para os nenos, foi un xoguete.
Drummond poetizóuna.
David, matou a Goliat.
E Miguel Angel sacoulle a máis bela escultura.
En todos estes casos, a diferenza non estivo na pedra senón no home!

O neno que puido facelo

Dous nenos levaban toda a mañá patinando sobre un lago xeado cando, de pronto, o xeo rompeu e un deles caeu á auga. A corrente interna desprazouno uns metros por debaixo da parte xeada, polo que para salvalo a única opción que había era romper a capa que o cubría.

 O seu amigo comezou a berrar pedindo axuda, pero ao ver que ninguén acudía buscou rapidamente unha pedra e comezou a golpear o xeo con todas as súas forzas.
Golpeou, golpeou e golpeou ata que con-seguiu abrir unha greta pola que meteu o brazo para agarrar o seu compañeiro e salvalo. Aos poucos minutos, avisados polos veciños que oíran os berros de socorro, chegaron os bombeiros.
 Cando lles contaron o acontecido, non paraban de preguntarse como aquel neno tan pequeno fora capaz de romper unha capa de xeo tan grosa. -É imposible que con esas mans o lograse, é imposible, non ten a forza suficiente como puido conseguilo? -comentaban entre eles.
 Un ancián que estaba polos arredores, ao escoitar a conversación, achegouse aos bombeiros. -Eu si sei como o fixo -dixo. -Como? -responderon sorprendidos. -Non había ninguén ao seu arredor para dicirlle que non podía facelo.

O graduado en Harvard

Un home de negocios norteamericano estaba no embarcadoiro dunha aldea costeira de México cando chegou unha barca cun só tripulante e varios atúns  moi grandes. O norteamericano felicitou ao mexicano pola calidade do peixe e preguntoulle canto tempo tardara en pescalo. O mexicano replicou: Oh! Nun intre.. Entón o norteamericano preguntoulle por que non se quedou máis tempo para coller máis peixes. O mexicano dixo que xa tiña suficiente para as necesidades da súa familia. O norteamericano volveu preguntar: E que fai vostede entón co resto do seu tempo? - O mexicano contestou: - Durmo ata tarde, pesco un pouco, xogo cos meus fillos, durmo a sesta coa miña muller, vou cada tarde ao pobo a tomar unhas copas e a tocar a guitarra cos amigos. Teño unha vida plena e ocupada, señor. - O norteamericano dixo con ton burlón: - Son un graduado de Harvard e poderíalle botar unha man. Debería dedicar máis tempo á pesca e coas ganancias comprar unha barca máis grande. Cos beneficios que lle reportaría unha barca máis grande, podería comprar varias barcas. Co tempo, podería facerse cunha flotilla de barcas de pesca. No canto de vender a súa captura a un intermediado, poderíalla vender ao almacenista; ata podería chegar a ter a súa propia fábrica de conservas. Controlaría o produto, o proceso industrial e a comercialización. Tería que irse desta aldea e mudarse a Cidade de México, logo a Os Ánxeles e finalmente a Nova York, onde dirixiría a súa propia empresa en expansión. - Pero señor, canto tempo tardaría todo iso? - De quince a vinte anos. - E logo que? - O norteamericano soltou unha gargallada e dixo que iso era a mellor parte: - Cando chegue o momento oportuno, pode vender a empresa en bolsa e facerse moi rico. Gañaría millóns. - Millóns, señor? E logo que? - Logo poderíase retirar. Irse a un pequeno pobo costeiro onde podería durmir ata tarde, pescar un pouco, xogar cos seus netos, facer a sesta coa súa muller e irse de paseo ao pobo polas tardes a tomar unhas copas e tocar a guitarra cos seus amigos. Bo, pero iso é o que fago agora señor, por que teño que esperar vinte anos?

A lenda dos grans de trigo

Lendas do xadrez:  A lenda dos grans de trigo.

Existe unha lenda que di que fai moito tempo existiu un rei que era moi bo, pero unha vez loitando contra un reino inimigo perdeu ao seu fillo nunha batalla, e por tal motivo púxose moi triste e illouse no seu castelo revivindo unha e outra vez a batalla onde morreu o seu fillo, recreándoa de moitas formas, e en ningunha podía salvar ao seu fillo e ao seu reino ao mesmo tempo. Un mozo que sabía a dor que o rei sentía pediu unha entrevista co rei, logo de moitos intentos logrou que o rei lle concedese a entrevista, o mozo mostrou ao rei o xogo do xadrez e ensínolle a súa similitude cunha batalla real. O rei que era un gran amante dos plans de guerra non tardou moito tempo en entender o xogo, o mozo ensinoulle ao rei como era de importante sacrificar algunha peza para lograr o obxectivo (facéndolle ver que o sacrificio que o seu fillo fixera foi o mellor para o reino). O rei comprendeu o seu erro e acepto a morte do seu fillo, e díxolle ao mozo que lle daría a recompensa que pedise; o mozo pediulle a seguinte recompensa pola primeira casa do taboleiro quero un gran de trigo, pola segunda casa quero 2 grans de trigo, pola terceira casa quero 4 grans de trigo, pola cuarta casa quero 8 grans de trigos e así sucesivamente polas demais casas, o rei ordenou que lle entregasen a recompensa inmediatamente e agregou que era un pedido moi pouco digno da súa xenerosidade; os sabios do rei ao tratar de atopar o numero que correspondía á cantidade de grans de trigo déronse conta que era un numero moi grande de imaxinar neses días. Así foi como o rei aprendeu outra lección a ser prudente , e pediulle ao mozo que quedase no castelo e traballase como un dos seus asesores...