18.11.19

Clärenore Stinnes foi a primeira persoa en planificar e dar a volta ao mundo en automóbil.

A alemá Clärenore Stinnes (1901-1990) foi a primeira persoa en planificar e dar a volta ao mundo en automóbil. En contra da opinión da súa familia adiñeirada organizou unha aventura que durou desde o 25/05/1927 ao 24/06/1929 a bordo dun coche Adler/Standard 6. "Quero ver o mundo desde o meu propio punto de vista", explicou cando comezou a viaxe. Co patrocinio da industria do automóbil do seu país, que xa a coñecía por ser un excelente piloto de carreiras, saíu con tres revólveres, cento e pico ovos duros que devoraba conducindo, e acompañada por dous mecánicos e un camarógrafo (o sueco Carl-Axel Sóderström) en dirección aos Balcáns. Ao pouco tempo os dous mecánicos abandonaron e só Carl-Axel, a pesar de maldicir todos os días nos seus diarios o intre no que aceptara aquel traballo, continuou engaiolado pola forza de aceiro da súa xefa.


Beirut, Damasco, Bagdad, Teherán, Moscova, Siberia... atravesan o lago Baikal xeado! (a primeira vez que se facía cun vehículo de motor) cruzan o deserto do Gobi e chegan a Pequín (tamén a primeira vez que un coche chegaba a Pequín desde Europa). Seguen en transbordador ata Xapón. Polo Pacífico con escala en Hawai ata América do Sur. Pasan a cordilleira dos Andes. En Valparaíso (Chile) embarcan en dirección aos Estados Unidos. Dende Os Ánxeles atravesaron USA causando sensación por onde van. En Detroit o propio Henry Ford amósalles a súa fábrica e en Washington recíbeos o presidente Hoover. Viaxan en barco ata Le Havre. Aí sube Martha Söderström para percorrer os últimos quilómetros co seu esposo e con Clärenore Stinnes. Ata Berlín a viaxe é monosilábica. Son recibidos con honores tras completar un periplo de 47.000 quilómetros a través de 23 países diferentes.



Atrás quedaban rutas a 50º. Frío de morrer conxelados. Fame e persecucións de bandas de ladróns. Avarías de todo tipo arranxadas con moito enxeño. Abrirse camiño con dinamita e case morrer de sede logo de beber ata a auga de refrixeración do auto. Por diante unha nova andanza xuntos logo do divorcio de Söderström. Deste nova viaxe el baixa no 76. Clärenore Stinnes chega a fin do traxecto en 1990.
Texto copiado de "Marcos López Concepción" nas redes sociais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario