"Agora que remata o ano dedicado a Antonio Fraguas, quédanos unha última oportunidade para introducírmonos nunha das súas divulgacións antropolóxicas, a Danza do abellón. O cotobadés recolleu un relato sobre esta superstición no seu volume "Galicia insólita", publicado primeiro na colección Biblioteca Básica de Galicia da editorial Librigal e maís tarde noutras. Este rito documéntase por primeira vez nun poema de Alfredo Brañas.
E de que vai esta curiosa historia? Segundo a experiencia relatada por Alfredo Brañas neste poema, el mesmo descubriuna cando participou nun velorio en Vilanova de Arousa. Nun momento dado entraron todos os asistentes no cuarto onde se velaba a defunta e… comezaron a dar voltas arredor dela zoando baixiño coma un abellón! A crenza que estaba detrás deste curioso comportamento sostiña que aquel que deixase de fungar sería o primeiro en morrer. Polos comentarios dos versos, Brañas parecía non estar moi de acordo e pedía a prohibición desta superstición por parte da Igrexa. Poida que para que o poeta tivese esa opinión axudase a catástrofe que seguiu aquel episodio: con tanta xente e tanto baile, o piso cedeu, algúns asistentes quedaron esmagados e mesmo morreu unha vella (outra)". Do Portal das palabras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario