O Galego vende.
O profesor Pena asegura que os anunciantes galegos que renuncian ao emprego de símbolos da cultura do país “perden a excelente oportunidade de reivindicar os trazos de autenticidade e de diferenciación dos seus produtos a través dunha serie de valores engadidos que representan todos os símbolos da idiosincrasia galega”.
Tanto é así que, entre os consumidores galegos, a galeguización das mensaxes comerciais facilita a identificación co produto ao suscitar a complicidade necesaria para crear un vencello emocional.
O exemplo máis coñecido e paradigmático deste tipo de discurso publicitario foi a campaña do grupo GADISA ‘Vivamos como galegos’ que conseguiu “o sentimento de identificación tan necesario para garantir o éxito de calquera mensaxe comercial, especialmente cando o mercado de consumo tende á uniformación que promove a globalización”, subliña Pena.
Pola contra, a rebaixa do uso do galego como canle de comunicación publicitaria por parte da administración autonómica, sinala o docente no seu traballo, “representa unha desvalorización da cultura galega na medida que o máximo órgano de representación popular e institucional lle resta importancia e prestixio ao símbolo que lle dá máis sentido ao discurso galeguista”.
A maiores, segundo Pena, cómpre salientar o peso do discurso bilingüe da Xunta de Galicia “que está a afectar e condicionar a propia estratexia comercial de moitos anunciantes, que compasan a política bilingüe do goberno galego, amosando así un menor compromiso co uso do idioma propio do país”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario