Do Xornal Nós sacamos algúns dos "Entroidos repartidos na Galiza":
Anxeos. Poida que en relación con “angelus” (os que anuncian ). Vestidos e cubertos de saco e con chocas ao cinto, a danzar... de Parada de Sil.
Bonitas. Cubertas de exóticos mantóns, con relacións precolombinas. Propios de Cartelle.
Boteiros. Nome quizais en relación con “butio” (bramido) ou coa bota ou vexiga que portan sobre o báculo, ou mesmo tamén con “butyrum”, é dicir, manteiga. Máscaras caracterizadas polo gran tocado floral e camisa de cintas pregadas. Representativas de Viana do Bolo.
Cabreiros. Alusión aos pegureiros montañeses de Muíños.
Carolos e Vexigueiros e Policaepo. De Saamede nas Mariñas de Paderne á Coruña.
Charrúas, Charrelos. En relación co carro. Dábaselle este nome aos antigos indios riopratenses da Patagonia andina... Influencias levadas e traídas. Os primeiros do Entroido de Allariz, de traxes brancos cubertos de mantón. Os segundos da Veiga.
Choqueiros e Chocalleiros. Repartidos por toda Galiza, os que portan ao cinto as chocas, chocallas ( que chocan ou tanxen), esquilas, axóuxeres, campaíñas... Para, como tantas cousas, “aculturarse” e rematar asociándose con calquera disfrace: os “choqueiros” na Coruña.
Cigarróns. Quizais en relación co grupo prerromano dos Cigurros, asentados no entorno da Rúa aínda que máscara propia das terras de Verín, ou quizá mellor co dos Cimarróns.
Cimarróns. Son os animais que foxen da domesticación e volven ao monte a se asilvestrar. Nas colonias de Latinoamérica chamábaselles así aos escravos negros que fuxían do seu cativerio.
Entridos. Chaman así as máscaras de moitas das aldeas da serra do Xurés.
Felos. Pode que do verbo “felio” (berrar) ou quizais teña a ver con felón, infiel. Con flocos, cintas de cores prendidas en todo o traxe. Tradición propia das terras do Carballiño... neste caso, montados a cabalo.
Follateiros. Cubertos de follas murchas da mazaroca do millo. Propios de Lobios.
Gaimanchiños. Verba do portugués “gamao”, pillabán. Demos das festas medievais betanceiras.
Gárgolas. En alusión aos monstros representados na arquitectura barroca. De Celanova.
Galos. Anunciadores do Entroido da Merca.
Irrio. Máscara, símbolo pagán, quizais Baco, de cerimonias relixiosas de Castro Caldelas.
Labardeiros. De Toén e Mugares. Nas imaxes deste artigo aparecen algúns máis - Ver Dicionario do Entroido. - Aprender xogando con un Brincaletras
Ningún comentario:
Publicar un comentario