7.3.13

Un conto e unha carta



Engadimos,  para  homenaxear á   Muller traballadora  (8 de marzo), un conto , "Unha Feliz Catástrofe"  e unha "Carta "

CARTA DUNHA NAI

Queridos todos:
Voume. Volverei cando saibades onde están gardadas as bólas de naftalina, cando a nosa casa xa non teña segredos para ningún de vós, cando sexades capaces de descifrar os códigos dos botóns da lavadora, cando logredes reprimir o impulso de chamarme a berros se se acaba a pasta de dentes ou o papel hixiénico. Volverei cando esteades dispostos a levar comigo a coroa de raíña da casa. Cando non me necesitedes máis que para compartir.
Xa sei que me botaredes de menos, estou segura. Tamén eu a vós, pero só desaparecendo poderei encher os ocos que o voso agarimo me produce... Só poderei estar segura de que verdadeiramente me queredes cando non teñades necesidade de min para comer ou para vestirvos ou para lavarvos ou para atopar as tesoiras. Xa non quero ser a raíña da casa, estou farta, canseime de tan gran responsabilidade e caín na conta de que se sigo xogando o papel de nai súper non lograrei inculcarvos máis que unha mentalidade de súbditos. E eu quérovos libres e moderadamente suficientes e autónomos.
Xa sei que o voso comportamento comigo non é máis que un deixarse levar pola miña rutina; tamén por iso quero pór terra por medio. Se quedo, seguirei póndovos todo ao alcance da man, xogando o meu papel de omnipresente para que me queirades máis.
Si, para que me queirades máis. Deime conta de que todo o que fago é para que me queirades máis, e iso paréceme tan perigoso para vós como para min, é unha trampa para todos.
Asegúrovos que non me vou por cansazo, aínda que sexa unha lata durmirse todas as noites pensando na comida do día seguinte e facer a compra a correr cando vés do traballo e, a longo prazo, pesa moito a teima de ver sempre un veo de po nos mobles cando sento un intre no sofá, e a perenne atracción cara á bayeta e a cera. Pero non é só por iso. Non. Tampouco me vou porque estea farta de pór a lavadora mentres me desabrocho o abrigo nin porque queira estar máis libre para facer carreira no meu traballo. Non. Hai xa moito tempo que tiven que elixir unha perpetua interinidade na miña profesión porque non podía compatibilizar unha maior dedicación mental ao traballo profesional coa lista da compra. Voume para ensinarvos a compartir, pero sobre todo voume para ver se aprendo a delegar.
Porque se o consigo, non volverei nunca máis a sentirme culpable cando non saquedes notas brillantes ou cando se queimen as lentellas ou cando algún non teña camisa planchada que poñer.
A culpa de que sexa imprescindible na casa é só miña, así que desaparecendo eu por uns días, darédesvos conta vós de que a monarquía doméstica é facilmente derrocable e quizá eu poida aprender a humildade necesaria para ser, cando volva, unha máis entre a plebe.
Cando atopedes a naftalina non deixedes de avisarme. Seguro que para entón eu tamén teña aprendido a non ser tan excesivamente boa. Pode ser que ese día non nos queiramos máis, pero seguro que nos quereremos mellor.

Bicos. Mamá.

C. de Santos - "Ser Humano"

No hay comentarios:

Publicar un comentario