2.5.15

Pregón do Maio 2015 -- Rafael Quintia

Benvida ao Maio
Benvidas pontevedresas, benvidos pontevedreses, veciños das parroquias que ennobrecen esta vila. Benvidos todos os que hoxe estamos aquí reunidos, nesta nobre ágora que é a Praza da Ferrería, neste torreiro de pedra para dar a benvida ao Maio e acoller o seu alento de vida no seo da Boa Vila.
Aquí vén o maio
florido e galán,
tódalas rapazas
amores lle dan.
E aínda que non sexa eu a moura fermosa de loiros cabelos, a costureiriña bonita de alferga de ouro, nin a labrega belida vestida de flores e hedras, caeu en min este ano o honor de anunciar a chegada do Maio, e a boa fe que o fago con orgullo e emoción. Así que alá imos.
Érguete maio
Moito durmiches
Que pasou o cuco
E tin non o viches.
Pode alguén ter maior honra que dar a benvida á vida? Pode alguén anunciar feito máis celebrado que o esplendor da natureza, que o espertar da Nai Terra no seu anual rito rexenerador?
Invoquemos, pois, as forzas da natureza para esconxurar todo mal e toda ameaza. Loubemos as virtudes da Terra que todo dá para abrirlle os brazos ao Maio, para acollelo na alma do pobo labrego, do pobo que cuspe Terra na fala incluso cando fala con lingua allea.
Na roda do tempo
Hoxe volve o maio
Como volve o cuco
Ao cabo dun ano.
Houbo un tempo en que toda Galiza se enchía de Maios, de Maias, de Ramos de Maio, de Árbores de maio, de Coroas e Cruces de Maio… de Maios humanos que percorrendo as parroquias anunciaban con ledicia a chegada da Nai que calquera fillo da terra agarda. Un tempo ancorado xa na miña infancia no que eu mesmo percorrín os rueiros de Salcedo levando o Maio de casa en casa.
Aí vén o maio
Cargado de flores.
Aí vén o maio
Sementando amores.
Houbo un tempo e un país que cada ano se vestía de fiúncho, de carrasco, de margaritas e papillóns, de rosas e calas, de laranxas e ovos.
Este mes de Maio
É o mes das flores.
Cando os paxariños
Ven os seus amores.
Pois co Maio a primavera acada o seu máximo esplendor, e Pontevedra renace adobiada de Maios e Coroas. Engalanada de verde e ouro, esperta a Boa Vila do seu letargo invernal e co son dos paus, coas voces dos nenos, cos cantos das mozas pousa os seus ollos antergos nas lombas verdescentes da Fracha, nos cumios renacidos de San Martiño, de Santa María, de Santo André de Xeve.
Unha Pontevedra que soubo gardar, ao longo dos anos, o tesouro florido da nosa cultura tradicional mentres noutros lugares dilapidábamos a riqueza herdada de xeración en xeración.
Pontevedra boa vila
Daslle o Maio a quen pasa.
Remato xa e quero facelo lembrando as verbas do noso ilustre poeta Manuel Curros Enríquez cando, naquel poemario “Aires da miña terra” dicía:
Eu sonvos o probe
Do pobo gallego,
Para min nin hai Maio,
Para min sempre é inverno.
Dende aquí, co poder da auga da vella fonte da Ferrería, coa forza do mar de Lourizán, coa frescura do río de Tomeza, co arrecendo da carrasquiña do monte das Croas, co orgullo da Penalonga de Marcón, coa virtude do aceite de San Benitiño de Lérez e das candeas de San Brais, invoco de novo o espírito da Terra e do Maio para romper esa negra fada do pobo galego, para que dende hoxe sempre sexa Maio para Galiza, Maio de vida, Maio de esperanza, Maio para todos nós.
Eiquí está o maio
Co seu poderío.
Líbranos do trono
E do señorío.
Eiquí esta o maio
Para nos liberar
Do que é abusón
Ou quere abusar.
Non hai Maio sen ledicia, sen cantos, sen sátira ou sen risas. Así que nestes tempos incertos, de crise, roubos e saqueos. Nestes tempos de volta á barbarie onde os imbéciles e escuros abrollan como o negro chapapote, chámote Maio canda nós, imploro o teu poder e a forza anovada que traes para librarnos de tanto mal e dos ratos que nos comen o millo da paneira.
Eu son o Maio
Do pobo galego
Sen bruxas nin trasgos
Nin caciques nin cregos.
E ata aquí chegou a benvida. Nin eu teño máis que contarlles nin eu podo máis contare. Tan só me queda unha cousa que dicirlles:
E víchelo Maio
E víchelo ben
E víchelo Maio
Ata o ano que vén.
Moitas grazas e que Vivan os Maios de Pontevedra!!

Rafa Quintía Pereira
1 de maio de 2015

Ver máis da Festa

No hay comentarios:

Publicar un comentario